Mostrando entradas con la etiqueta Artes. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Artes. Mostrar todas las entradas

sábado, 7 de septiembre de 2013

O CONCELLO DO GROVE CONVOCA UN CONCURSO DE PINTURA

O Concello do Grove convoca o primeiro concurso de pintura figurativa relacionada co patrimonio histórico e artístico do Grove. O premio son 1000 euros e o prazo de presentación remata o 30 de setembro do 2013.


lunes, 2 de septiembre de 2013

A COLECCIÓN DE ARTE DE NOVACAIXAGALICIA

O Emigrante, óleo de Castelao que posúe a Fundación Novacaixagalicia

A mellor colección de arte galega que existe na actualidade está en mans da Fundación Novacaixagalicia, fundación creada como entidade independente xurdida a partir da fusión bancaria de Caixa Galicia e Caixanova e a posterior nacionalización por parte do FROB.

Novagalicia Banco vai ser vendido polo FROB probablemente no vindeiro mes de outubro. Que pasará coa Fundación, a súa Obra Social e a colección de arte? non se sabe. E cabe a posibilidade que todo isto pase a mans de inversores extranxeiros que pode que non vexan nesta colección de arte máis que un valor económico. Unha colección de arte que foi mercada cos aforros de tod@s @s galeg@s.

Xa que se van vender as antigas caixas galegas, xa que se vai perder un patrimonio que se xuntou, insisto, co noso aforro, salvemos polo menos a colección artística. Entra na súa páxina. Hai obras de Castelao, Luís Seoane, Isaac Díaz Pardo... e de artistas cambadeses como Asorey ou Francisco Leiro.

Hai unha iniciativa en internet a través da plataforma change.org pedindo toda  a colección pase a ser BIC (ben de interese cultural) e se exhiba na Cidade da Cultura.

jueves, 1 de agosto de 2013

FESTIVAL FOTOGRÁFICO PROXECTA


 Este ano os organizadores do Festival Fotográfico "Proxecta" (o fotógrafo Jose Luiz Oubiña entre eles) decidiron trasladalo de Vilagarcía a Cambados. Este é o seu recomendable programa:


Programación Fotográfico Festival Proxecta 2013


1)  Realizar unha sesión nocturna de +- 60’min con proxeccións de fotografías ao ar libre con traballos desenrolados por fotógrafos profesionais nacionais e internacionais. A proxección ao ar libre ten como aliciente a posibilidade de achegamento ao arte da fotografía a unha grande parte da poboación que non ten o costume de frecuentar galerias e salas de arte, facendo da rúa unha gran sala de exposicions. Suxírese que o tempo máximo total das proxección non sexa máis de 60 minutos (dado que segundo os estudos é o tempo máximo de plena atención dos seres humanos). O número de participantes é de unha ducia de fotógrafos. Dia: 17/08/2013. Horário: 22:30. Lugar: Plaza Fefiñans (en caso de choiva Auditório da Xuventude Cambados). Duración: Unha xornada nocturna;

2) Exposición fotográfica “Premio fotojornalismo 2012 - Estação Imagem Mora”: Reune as millores imaxes fotoxornalísticas feitas polos reporteiros de Portugal e Galicia. Dia: 17/08/2013. Hora: 13:00 (inauguración). Lugar: Pazo de Torrado. Duración: 1 mes;

3) Mercadiño “Proxectado”: Actividad dirixida a fotógrafos profesionais e amadores. Buscase a traves dun mini mercadiño fotográfico que os participantes divulguen, intercambien e vendan as suas imaxes, as suas idéias, as suas fotos e libros. Que se fale e discuta a fotografía, que se organize e divulguen as futuras exposicions; e que inclusive haxa a posibilidade de intercambios, trueques e venda de fotos persoais e material fotográfico novo e de coleccionismo. Dia: 17/08/2013. Hora: a partir das 16:30. Lugar: Praza de Asorey. Duración: 1 día (tarde e noite);

4) Exposición fotográfica ao ar libre “Paisaje desde el Arcén” de Francis Tsang: Facer unha mostra aberta ao publico e ao ar libre de fotografías en grande formato. As fotos son do “Tour” e da “Vuelta” correspondentes aos anos 2001 e 2002, e da última “Vuelta a España 2012”. Penduradas en lugares públicos da cidade, copiadas en ploter vinilico/lonas para que soporten as inclemencias climáticas. Dia: 18/08/2013. Hora: 12:00 (inauguración). Lugar: Ruas Real e Principe (Paso da crono por equipos “Vuelta 2013”). Duración: +- Veinte días;


5) Charla de Francis Tsang: Charla sobre Fotografía. Dia: 17/08/2013. Hora: 17:30. Lugar: Auditorio Exposalnés (ex-Centro Comarcal). Duración : +- 2 horas.
  

jueves, 6 de junio de 2013

Taller de Debuxo urban e cadernos de viaxe organizado pola Galería El Taller (Santiago)

Debuxo urbano e cadernos de viaxe

Un taller de 8 horas para explorar as posibilidades do debuxo rápido na rúa. O autor mostrará na introdución teórica os seus cadernos ao tempo que comenta os soportes e as técnicas gráficas máis axeitadas, a selección de encadres e motivos, e explicará os recursos básicos do debuxo, como son a perspectiva, o encaixe, a figura, as texturas, o claroscuro e a cor. Na parte práctica sairase á rúa para debuxar do natural en diferentes puntos da cidade.

lunes, 3 de junio de 2013

Paseo de San Tomé no solpor (3-VI-2013)

Por fin un verdadeiro día de primavera: sol, brisa suave, un mar fantástico e as últimas luces do día nun dos meus recantos preferidos de Cambados.


sábado, 1 de junio de 2013

Agardando turno na barbería Fariña

Calquer lugar é bo para debuxar o que atopas ao teu redor. Nesta primavera, que segue dando tan poucas oportunidades para saír á rúa, tiven que botar man dos interiores, salas de espera, mercados, aulas, etc. par facer apuntes.

domingo, 26 de mayo de 2013

aCadaCanto

Polo facebook de Karlos Abal atopámonos este bonito video do grupo aCadaCanto, gravado no Mosteiro de Carboeiro, Silleda.

aCadaCanto é un grupo de música galega que está formado por  Xabier Díaz, Guillerme Fernández, Xosé Lois Romero e Guadi Galego, nada en Cedeira pero ribadumiense de adopción.

aCadaCanto está de xira por Galicia e actúan en Ribadavia o día 1 de xuño, en Teo o día 7 e Ribadeo o día 9.


domingo, 7 de abril de 2013

TEATRO CARACOL

Un ano máis a compañía de teatro cambadesa volve á escea. Este ano coa adaptación da obra de William Shakespeare, "Romeo e Xulieta". Empezan este luns 8 de abril no Salón de actos do IES Francisco Asorey coas representacións para escolares e o domingo 14 de abril para o público en xeral.

NON FALTES!


sábado, 23 de febrero de 2013

NOITE DE CULTURA EN CAMBADOS


O venres 22 de febreiro, coincidiron en Cambados catro actos culturais:

- A presentación na Librería Contos do libro A máquina do tempo

- A clausura da exposición que o artista Lino Silva tiña na moblería de Otero

- Un concerto na Igrexa parroquial de Santa Mariña organizado polo Conservatorio de Pontevedra

e a presentación do libro-homenaxe a Luís F. Silvoso no Auditorio da Xuventude.

E houbo xente para todos.



Falarei da que asistín eu. Practicamente cheo estaba o Auditorio da Xuventude para recordar ao galerista cambadés Luis Silvoso, morto prematuramente en outubro do 2011. Participaron na homenaxe o seu fillo Alberto, o pintor Manolo Busto que promoveu a iniciativa de editar este libro, eu mesma que fixen o texto e Baldo Ramos, poeta, artista plástico e bo amigo de Luís que leu un fermoso e emotivo texto adicado a el. Tamén estaba Teresa Escariz alma e promotora da edición do libro e Luís mesmo nun enorme retrato que lle fixo póstumamente o seu amigo, o pintor Romero Masiá. Deixo aquí unhas boas fotos feitas por Mariña Fernández Escariz e uns enlaces ás reseñas que apareceron na prensa.




Expúxose o libro que Luís Silvoso e os amigos cos que compartiu piso en Madrid nos anos 80, un enorme libro de contabilidade que compraron no Rastro e que encheron de debuxos, postais, pensamentos... e que serviron de base para a edición deste libro


O libro anterior en primeiro termo e o retrato de Masiá ao fondo

Artigo de Miguel Anxo Martínez no Faro de Vigo:

Los cambadeses responden al ´tirón´ de Luis Silvoso y de la música religiosa

Éxito de público en ambas citas culturales



Diario de Arousa:

Luis Fernández Silvoso: de la vocación de fraile franciscano al culto al arte

E de novo no Faro na edición do domingo:

O libro está á venda polo prezo simbólico de 5 euros nas Librerías Cabanillas e Contos, colaboradoras habituais da cultura cambadesa.

viernes, 22 de febrero de 2013

PECULIAR EXPOSICIÓN EN PONTEVEDRA






Artistas con discapacidade que elaboran os seus traballos coa boca ou os pés son os protagonistas da mostra de pintura que, desde este venres e ata o próximo 8 de marzo, se pode visitar na sede de Turismo Rías Baixas en Pontevedra.
Trátase dunha exposición da Asociación de Pintores con la Boca y el Pie que foi fundada, precisamente, por un artista alemán, Erich Stegman, que tras perder a mobilidade nas mans se gañou a vida pintando coa boca e que decidiu crear esta asociación para que outros creadores na súa mesma situación puidesen beneficiarse de estar asociados.
Ademais das obras de artistas internacionais, a exposición amosa o traballo dos mellores pintores nacionais nesta modalidade, como Manuel Parreño e Cristóbal M. Toledo.

O principal obxectivo é "poder vivir de su esfuerzo y su trabajo a través de la aceptación y el reconocimiento de la calidad de sus obras", segundo a declaración de motivos da exposición.Buscan así comercializar as obras que producen, de forma que teñan garantido o sustento económico, sen depender nin de subvencións públicas nin da caridade.
A Asociación foi medrando e estendéndose a todo o mundo, dando lugar a un movemento artístico que está presente xa en 74 países e que conta cuns 800 membros. A ela podenpertencer aqueles artistas que perderan o uso das súas mans e queiran seguir pintando suxeitando un pincel coa boca ou o pé.
A exposición permanecerá aberta ao público de luns a venres de 09.00 a 20.00 horas e os sábados, domingos e festivos, en horario de 10.00 a 14.00 horas.


Fonte: PontevedraViva

domingo, 27 de enero de 2013

O Pazo de Fefiñáns pódese visitar



Xa desde fai uns meses e despois da restauración acometida nas cubertas é posible visitar o Pazo de Fefiñáns. Unha xoia da arquitectura civil galega. Podes consultar prezos e contacto neste enlace.

"Nesta histórica vila de orixe xermánica asentáronse os señores da casa de Valladares coa autorización da Igrexa Compostelá, probablemente no s. XIV, edificando a súa casa-pazo no solar que ocupa actualmente o Pazo de Fefiñáns. Onde agora se atopa a igrexa existía, xa dende o s. XI, un mosteiro bieito.

O título nobiliario de Conde de Fefiñáns remóntase a principios so s. XII, como o demostran as tres bandeiras procedentes da conquista de Ciudad Rodrigo, doadas á Catedral de Santiago. No último terzo do s. XV a vila segregouse da xurisdición arcebispal a favor de Filipe II, quen a cedería a D. Gonzalo de Valladares, "O Vello", fundador do morgado de Fefiñáns en 1562 e avó do primeiro Vizconde de Fefiñáns. O s. XVII será o momento histórico máis importante da vila e dos señores de Fefiñáns coa construción do pazo, a administración de xustiza, a reforma da Igrexa de S. Bieito, o levantamento do muiño das mareas de Tragove e o primeiro peirao erixido na baía cambadesa. Xa desde o s. XIX, cos primeiros concellos constitucionais, Fefiñáns integrarase no de Cambados, fusionándose as tres antigas xurisdiccións de Sto Tomé do Mar, Fefiñáns e Cambados."

Así empeza a explicación sobre o Pazo nos folletos que se entregan coa visita, foi feito o texto polo historiador cambadés, Jacobo Domínguez Pedreira.

Aproveitamos dende este blog para recomendar a visita a esta xoia arquitectónica que temos tan preto e que resulta tan descoñecida para os veciños e veciñas de Cambados. É unha mágoa non aproveitar  a magnífica oportunidade que se nos dá de coñecer o Pazo, recén declarado Ben de Interese Cultural (BIC) a ao mesmo tempo contribuír ao seu mantemento. Para abrir boca poño aquí unhas fotos dalgunhas cousas que poderedes ver na visita:



Escaleira nobre de acceso ao Pazo



Salón decorado con papel pintado do s. XVIII traído dende París, na mesma estancia pódese ver o retrato en bronce que Asorey lle fixo ao malogrado Miguelito Gil Armada 





Comedor, vese na parede dereita o retrato do Catedrático de medicina Miguel Gil Casares obra de Jesús Corredoira

Detalle da cheminea no mesmo comedor, co escudo en pedra dos Valladares e o retrato de Baltasar Pardo de Figueroa do s. XVIII.


Esculturas de Joaquín Gil Armada, pai das actuais propietarias, que foi discípulo e amigo de Asorey

Joaquín Gil Armada, a súa dona e Asorey no Salón do papel pintado


Solaina á que se accede dende o comedor


Patio de armas cun gran escudo familiar


Vista do patio de armas dende a Torre 


Os xardíns e horta do Pazo vistos dende a cima da torre



O Grove ao lonxe

Unha visita ideal para veciños e veciñas de Cambados, familiares ou amigos que nos visiten, grupos reducidos de escolares e por suposto turistas. E despois da visita podedes degustar os excelentes viños e licores da Bodega Joaquín Gil Armada.


miércoles, 23 de enero de 2013

150º aniversario da publicación de "Cantares gallegos"


Neste ano celebramos o 150º aniversario da publicación de "Cantares gallegos", o primeiro gran poemario de Rosalía de Castro  A pasada fin de semana aproveitei o frío e a choiva para relelo . Nada que ver co pouso que me deixara fai tantos anos que nin me lembro. Aínda que voltei a ler esporádicamente algún poema, nunca tiven tan claro que se trata dunha escritora moito máis moderna -quizáis, debería decir actual-, sensible, instruida e viaxeira, polo menos de alma, do que imaxinaba. Por iso a represento máis xoven e fermosa do que aparece nesa popular imaxe que tanto serve para un festival poético como para unha marca de empanadas de lamprea. 

lunes, 21 de enero de 2013

Exposición colectiva CONEXIÓNS en Vilagarcía




A asociación cultural HABELAS preparou unha exposición colectiva denominada CONEXIÓNS que se inaugurará o vindeiro venres 25 de Xaneiro ás oito e media da tarde. Será na Sala Rivas Briones da Rúa Alcalde Rei Daviña. A exposición é multidisciplinar, acollendo mostra de pintura, de fotografía, escultura, miniaturas, deseño ou curtametraxes. 

Participa xente da comarca, en concreto algunhas persoas con relación con Cambados, como Iria Ribadomar, Markos Horro, Noelia Toledano ou Xurxo Durán (seguro que se nos queda algún atrás). No cartel podedes ver todos os participantes, en total son 29 nas seis disciplinas que abarca a exposición.

sábado, 19 de enero de 2013

FINA CASALDERREY NOVA ACADÉMICA GALEGA


En Cambados pola entrega  do premio Ramón Cabanillas xunto a Xosé Vázquez Pintor, premiado noutra edición e  Moncho Domínguez e o seu fillo da Libraría Ramón Cabanillas 



A escritora Xosefa (Fina) Casalderrey foi nomeada nova membra da Real Academia Galega. Natural de Xeve, Pontevedra, ten importantes vínculos con Cambados onde estivo varios anos de mestra no Colexio Magariños. No ano 2008 os libreiros de Cambados concedéronlle o premio Ramón Cabanillas. 

Fina Casalderrey é escritora e especializouse no xénero infantil e xuvenil polo que o nomeamento de académica  resulta unha novidade e un recoñecemento a esta literatura considerada ás veces coma "menor" . Podes ler aquí unha entrevista con ela na Voz de Galicia. Con Fina son cinco as mulleres académicas: Xohana Torres, Luz Pozo Garza, Rosario Álvarez e Margarita Ledo. A candidatura de Casalderrey impúxose á da poetisa Chus Pato.


Acto de entrega do premio en ExpoSalnés

Deixamos aquí un fermoso fragmento dunha pequena autobiografía que ten na súa páxina web:

"Nacín en Xeve (Pontevedra). A miña infancia desenvolveuse entre Xeve e Lérez (onde vivo actualmente) nun ambiente rural que paulatinamente vaise facendo semiurbano, urbano... Xa case non falamos entre a veciñanza, polas mañás mestúranse os trinos dos paxaros coas bucinas e rouquéns dalgúns coches... O saco da miña nenez está cheo de vivencias, para min, entrañables.

Cando aprendín a utilizar a palabra, pedín unha irmá. Insistinlles moito a meus pais para que fosen á feira a comprarma antes de que se esgotasen as mellores. Tardaron case oito anos en me facer caso, pero á fin trouxéronma e fun a nena máis feliz do mundo. O día en que naceu había festa en Lérez, pasaba moita xente por diante da miña porta; senteime no banco de pedra que aínda segue pegado á fachada da casa de meus pais, a miña casa, e dáballes a boa nova a todo o que pasaba:

—¡Teño unha irmá!

Algúns, e algunhas, mirábanme raro, pero eu seguía feliz estendendo a importante noticia.

Recordo as alegres merendas nas leiras. A media tarde, ese era o momento no que puntuais apareciamos formando parte da roda de xornaleiros e é que o pan, o queixo, o marmelo, os bacallaos rebozados... sabían alí doutra maneira. Ben, tamén vén á miña memoria os desgustos por non me poder quedar cun gato que atopara nun camiño...

Outro dos meus grandes desexos foi ter unhas botas de goma para poder meterme nas pozas. Odiaba os zocos, facían tanto ruído que tiña a sensación de portar un transmisor que avisaba a cotío da miña situación.

—Séntate, Finita —dicía a mestra, sen necesidade de levantar a cabeza.


As frieiras das mans refregando un pano enxaboado no lavadoiro non eran cousa divertida, pero as conversas “politicamente incorrectas” das lavandeiras de oficio si que pagaban a pena. Estarricaban no aire certas pezas de roupa e dicían non sei se por vinganza ou para despistar ás frieiras.

—¿Vedes? Estas son as bragas da miña señorita.

E todo o mundo ría. Ás veces caíame o xabón no pío, que chamabamos río, río de lavar. Subía a manga ata o ombreiro e metía a man naqueles lodos. Algunha vez no canto de atopar o meu taco de xabón, conseguía un máis grande. Iso poñíame contenta, como se descubrise un tesouro.

Da escola, o máis fermoso que recordo é aquela caixa de botelliñas con tintas de cores. Eran das inxeccións. Lavabámolas, comprabamos unha especie de pos máxicos que se mesturaban con auga, dentro xa das botellas ¡e listo!, obtiñamos marabillosas tintas de moitísimas cores. Poñiámolas, ademais, de pé nunha caixiña plana coa tapa chea de buracos. Forrabámola con papel bonito como de regalo. Cada botella levaba un babeiro de deseño propio. Con aqueles luxos, todas (só nenas) estabamos desexando ir para a escola de arriba, que era onde nos volviamos alquimistas das cores.

Cando rematei o bacharelato, meus pais, economicamente humildes, deixáronme decidir sobre o meu futuro: ¿queres coser ou facer maxisterio? Decanteime por isto último e aquí sigo (agora nun I.E.S.). O día que cheguei á miña primeira escola (con dezanove anos) chorei, e o día que me tiven que despedir dela, chorei aínda máis (...)"

domingo, 2 de diciembre de 2012

Artes Visuais. Un xuíz fotógrafo, J. Bellver.

José Bellver Álvarez ( Ponferrada, León, 1896- Pontevedra, 1968) estivo destinado en Cambados como xuíz de primeira instancia, e tamén noutras localidades como Caldas, Ortigueira ou Redondela. O seu derradeiro destino foi en Pontevedra onde se xubila coma Maxistrado da Audiencia Provincial. Alí morre en 1968.

Foi un gran afeccionado á fotografía que combina tamén co seu interese pola pintura e o cine. Durante a súa estancia en Cambados nos anos 20-30 tomou numerosas fotografías da vila, das súas rúas e monumentos e das súas xentes, recollendo esceas do mercado -que naquel entón aínda se celebraba en Fefiñáns- ou do traballo dos mariñeiros.
 
O fondo documental de Bellver está custodiado no Museo de Pontevedra, e agora pódense ver no Pazo de Torrado 62 imaxes, seleccionadas pola comisaria María Reyes Camiña.

 Pero unha das grandes novedades desta exposición, que a fai diferente a outras mostras de fotografía é que inclúe tamén unha pequena película rodada nos anos 20 que apareceu nunhas latas 50 anos despois, na casa onde faleceu en Pontevedra.