Mostrando entradas con la etiqueta Arte escrita. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Arte escrita. Mostrar todas las entradas

viernes, 24 de mayo de 2013

RAMÓN CARIDE PRESENTA EN PONTEVEDRA O SEU NOVO LIBRO

Ramón Caride como autor do texto e Manolo Busto como ilustrador presentaron na Feira do Libro de Pontevedra o libro: ENDOGAMIA 0.2, editado por Xerais.


A presentación tivo lugar na carpa que os libreiros teñen montada na Praza da Ferrería de Pontevedra, onde se atopan tamén as casetas da Feira do Libro. Na presentación participou tamén o representante da editorial Xerais, o poeta Fran Alonso.


Endogamia 0.2 é un conxunto de relatos curtos dese xénero chamado Ciencia-ficción destinado a un público novo e non tan novo. Trátanse temas de actualidade con proxección cara o futuro e que suscitan un debate ético. O libro é continuación do exitoso Exogamia 0.3, que vendeu a edición completa de 1000 exemplares tan só nun ano. E parece que pode seguir a serie cun libro máis no que xa está empezando a traballar o autor.

O autor do texto Ramón Caride e o pintor Manolo Busto que ilustrou o libro 

sábado, 19 de enero de 2013

FINA CASALDERREY NOVA ACADÉMICA GALEGA


En Cambados pola entrega  do premio Ramón Cabanillas xunto a Xosé Vázquez Pintor, premiado noutra edición e  Moncho Domínguez e o seu fillo da Libraría Ramón Cabanillas 



A escritora Xosefa (Fina) Casalderrey foi nomeada nova membra da Real Academia Galega. Natural de Xeve, Pontevedra, ten importantes vínculos con Cambados onde estivo varios anos de mestra no Colexio Magariños. No ano 2008 os libreiros de Cambados concedéronlle o premio Ramón Cabanillas. 

Fina Casalderrey é escritora e especializouse no xénero infantil e xuvenil polo que o nomeamento de académica  resulta unha novidade e un recoñecemento a esta literatura considerada ás veces coma "menor" . Podes ler aquí unha entrevista con ela na Voz de Galicia. Con Fina son cinco as mulleres académicas: Xohana Torres, Luz Pozo Garza, Rosario Álvarez e Margarita Ledo. A candidatura de Casalderrey impúxose á da poetisa Chus Pato.


Acto de entrega do premio en ExpoSalnés

Deixamos aquí un fermoso fragmento dunha pequena autobiografía que ten na súa páxina web:

"Nacín en Xeve (Pontevedra). A miña infancia desenvolveuse entre Xeve e Lérez (onde vivo actualmente) nun ambiente rural que paulatinamente vaise facendo semiurbano, urbano... Xa case non falamos entre a veciñanza, polas mañás mestúranse os trinos dos paxaros coas bucinas e rouquéns dalgúns coches... O saco da miña nenez está cheo de vivencias, para min, entrañables.

Cando aprendín a utilizar a palabra, pedín unha irmá. Insistinlles moito a meus pais para que fosen á feira a comprarma antes de que se esgotasen as mellores. Tardaron case oito anos en me facer caso, pero á fin trouxéronma e fun a nena máis feliz do mundo. O día en que naceu había festa en Lérez, pasaba moita xente por diante da miña porta; senteime no banco de pedra que aínda segue pegado á fachada da casa de meus pais, a miña casa, e dáballes a boa nova a todo o que pasaba:

—¡Teño unha irmá!

Algúns, e algunhas, mirábanme raro, pero eu seguía feliz estendendo a importante noticia.

Recordo as alegres merendas nas leiras. A media tarde, ese era o momento no que puntuais apareciamos formando parte da roda de xornaleiros e é que o pan, o queixo, o marmelo, os bacallaos rebozados... sabían alí doutra maneira. Ben, tamén vén á miña memoria os desgustos por non me poder quedar cun gato que atopara nun camiño...

Outro dos meus grandes desexos foi ter unhas botas de goma para poder meterme nas pozas. Odiaba os zocos, facían tanto ruído que tiña a sensación de portar un transmisor que avisaba a cotío da miña situación.

—Séntate, Finita —dicía a mestra, sen necesidade de levantar a cabeza.


As frieiras das mans refregando un pano enxaboado no lavadoiro non eran cousa divertida, pero as conversas “politicamente incorrectas” das lavandeiras de oficio si que pagaban a pena. Estarricaban no aire certas pezas de roupa e dicían non sei se por vinganza ou para despistar ás frieiras.

—¿Vedes? Estas son as bragas da miña señorita.

E todo o mundo ría. Ás veces caíame o xabón no pío, que chamabamos río, río de lavar. Subía a manga ata o ombreiro e metía a man naqueles lodos. Algunha vez no canto de atopar o meu taco de xabón, conseguía un máis grande. Iso poñíame contenta, como se descubrise un tesouro.

Da escola, o máis fermoso que recordo é aquela caixa de botelliñas con tintas de cores. Eran das inxeccións. Lavabámolas, comprabamos unha especie de pos máxicos que se mesturaban con auga, dentro xa das botellas ¡e listo!, obtiñamos marabillosas tintas de moitísimas cores. Poñiámolas, ademais, de pé nunha caixiña plana coa tapa chea de buracos. Forrabámola con papel bonito como de regalo. Cada botella levaba un babeiro de deseño propio. Con aqueles luxos, todas (só nenas) estabamos desexando ir para a escola de arriba, que era onde nos volviamos alquimistas das cores.

Cando rematei o bacharelato, meus pais, economicamente humildes, deixáronme decidir sobre o meu futuro: ¿queres coser ou facer maxisterio? Decanteime por isto último e aquí sigo (agora nun I.E.S.). O día que cheguei á miña primeira escola (con dezanove anos) chorei, e o día que me tiven que despedir dela, chorei aínda máis (...)"

miércoles, 24 de octubre de 2012

DISFRAZ DE IGNORANTE

DISFRAZ DE IGNORANTE

Foron tempos aqueles de lapis e papel,
ata chegar a certa época de mudar de pel.
buscando a cor camaleónica que cada un lle viña ben,
aqueles que viven unha sociedade particular.
sen pensar en ninguén pero en posesión da agulla de menear.

Bonito,o traxe que che puxeron hoxe.
espléndido as veces o traballo do teu peluqueiro,
amañándoche o bigote para non ter pelos na lingua.
as veces levas cada garabata que pareces un monigote.
Pero sempre vestidiño e planchadiño,e a lucir "palmito".

Menudo "chope" te buscaches "neno",
de letras nunca me entendiches,
nos números xa nin te metiches.
manexar talonario era o teu amiguiño,
e sorte en topar ese abriguiño.

non e votar nada en cara na túa cuadra,
nin tampouco enviada se cadra,
so que como andas con xente ben,non ves a ninguén.
tampouco digo máis,que con ese disfraz de ignorante,
creo que xa tes bastante.










                                                                                                       Daniel Falcón Chaves

lunes, 1 de octubre de 2012

OPINIÓN: UN MARIÑEIRO CALQUERA

"Pola regatela"
Ramón Caride.

Animouse de novo o noso amigo, e ben que o agradecemos, a escribir outra vez nesta humilde (pero ambiciosa) publicación que é o blog da nosa asociación. Semella que aos grandes gústanlle as cousas pequenas.
  
Un mariñeiro calquera

Nestes meses de verán estiveron expostas no Pazo Torrado de Cambados varias obras de Manuel Quintana Martelo: debuxos, pinturas, esculturas e fotografias, todas centradas na figura de Manuel Viñas, un ata agora descoñecido mariñeiro de Poio que con esta exposición se convirte nun símbolo da xente traballadora de entre nós, nestes tempos tan castigada e esquencida. Quintana Martelo demostra que, mesmo tendo estudio en Nova York, non é preciso buscar temas nin paisaxes tan lonxe, que a paisaxe física e humana, particular e nosa, é tan válida coma o de calquera sitio para facer arte. Ensina que a arte é unha mirada, unha sensibilidade, un xeito de ollar o inmediato para facelo mellor e transcender a apariencia. As eivas: as limitacións do lugar e os horarios de visita -so póla tarde mesmo en agosto-. O Pazo Torrado ten uns espazos cativos para exposicións deste tipo; isto fai que, como pasou antes coa antolóxica de Asorey e noutras ocasiós, teñamos que nos conformar cunha version reducida respecto ao que se poderá ver en Santiago ou noutros lugares.

Entrementres: o gran atractivo turístico de Cambados, o conxunto de Fefiñáns continua infrautilizado. O que debera ser o centro cultural, referente e escaparate de Cambados e de todo o Salnés, e punto de encontro da cultura, sigue a velas vir, por falta de interese, de imaxinación e de competencia dos nosos políticos programadores. Os turistas seguen chegando, pero á parte de mini-museos e de iniciativas particulares, vanse cunha imaxe probe da cultura cambadesa. Adúcese a falta de diñeiro, pero hai diñeiro para o deporte-espectáculo, tantas veces embrutecedor e alienante, e para actuacións musicais que ás veces semellan restos do passado, cando non patéticos intentos de querer e non poder.

Os nosos artistas, fotógrafos, cineastas, músicos, actores, pintores, e tantos máis deben seguir o camiño da emigración, a ver se os aprezan de rebote aquí após buscar a vida fora, e desde logo nunca se ven reflectidos nestes festexos que se reservan para os alleos, canto máis pachangueiros mellor. Non pasa só en Cambados, en Vilagarcía o esforzo de José Luíz Oubiña e de Miguel Riopa organizando un festival de fotografia senlleiro a nível da península, como é o Proxecta, ao que acuden fotógrafos de todo o mundo, que fai aparecer á cidade en moitas páxinas de prensa, vese con serias dificultades, e só o mantén a pura vontade, o amor á arte. Os mesmos organizadores e os seus familiares deben abrir as exposicións, colgar as fotos, ou montar a pantalla para as proxeccións, co seu orzamento reducido a un terzo do de hai dous anos, e ignorado polas autoridades municipais... Os exemplos poderían multiplicarse. Nada para a cultura, todo para o fútbol, as orquestras panorámicas e as comilotas. Haberá que lembrar que a confusión entre cultura e espectáculo non é cousa de agora, senón un invento dos rexímenes autoritarios, lembran?

Parece que a cultura é un luxo, a verdadeira, a cultura que conmove e fai pensar. Pero é nin máis nin menos que a diferenza entre a humanidade e a barbarie. Se non valoramos –aos feitos me remito- aos artistas que temos entre nós, se estragamos o noso patrimonio, que lle venderemos ao turismo? Sol e praias, pero sol non temos tanto. E tampouco moita cabeza. Parece que a nosa querida clase política -esa que seica non existe como tal fora dos delirios de algúns iluminados que non estamos no mundo-, parece que decidíu que canto máis burros mellor, e para que gastar en cultura se pensar só trae problemas.

Remato cun episodio verídico: cando se lle adicou, hai uns anos o dia das letras galegas a Rafael Dieste, un comercial dunha editora galega pediu ver a un alcalde desta nosa ría de Arousa para presentarlle un proxecto de libro sobre o autor homenaxeado. Con esta intención, o comercial espúxolle á secretaria deste alcalde o asunto –a moza era nova, ainda que como veredes, sobradamente preparada- O comercial escoitou como a secretaria entraba no despacho e lle transmitía o asunto ao alcalde, ao seu xeito: Señor Alcalde, está aqui Rafael Dieste, que le quiere hablar de un libro suyo. Ao que o rexidor contestou, sen inmutarse: Hágalo pasar. A todo isto, Rafael Dieste levaba morto máis dunha década. Pero claro non había perigo de que o leran calquera destes dous, nin de vivo nin de morto. Así andamos.

ADDENDA

A miña anterior e primeira colaboración neste espazo que me brindan os amigos de Asoblog tivo un eco insospeitado. A respecto das variadas reaccións a ese anterior artigo, só duas mínimas precisións:

Primeira: Non estou porriba do ben e do mal, nin o pretendo. Facer, durante parte do meu tempo, literatura de ficción non me inmuniza contra nada. Os meus problemas e cabreos son os mesmos de calquera, non escribo desde ningunha torre. Podo equivocarme. Outros tamén.

Segunda: Sacralizar calquera cousa é a mellor forma de que deixe de ser útil. A esquerda tamén ten problemas. Como dixo un coñecido escritor: “é máis doado atopar chivos expiatorios que pescudar razóns”. Polo demais, as ortodoxias e os dogmas de fe están moi ben... para a Teoloxía.

sábado, 1 de septiembre de 2012

(Sen título)


e coa marea chea, o vento,
o son das ondas contra as rochas
un son máis forte do normal
(incluso onde estaba sentado me salpicaba algunha)
desexei tanto ao mar nese momento
que me fun cara el
para ser un
e molloume os zapatos
facéndome cóxegas nos pés
entrei no máis profundo de min mesmo
entrei no máis profundo do meu astro interior
estaba no meu climax

- Este é o feito. O poema saíu logo.

Voume absorto nos meus pensamentos cara o mar
Fico na rocha que máis se adentra nel
Até que me molla os meus zapatos negros
A auga faime cóxegas nos pés
E ruborízaseme a face
[dame vergoña que me vexan en tal situación
Sei que sabes todo o que eu sei
Tal como soño todas as noites contigo
Soños azuis e augados
Onde me esvaezo e son xunto túa


unha pinga máis



Ramón R. Nogueira

ALARIDOS DA NOITE ESCURA


ALARIDOS DE NOITE ESCURA

Entre o lusco e o fusco,                                                                                

as verbas do alento gastado,
da memoria afeita o pasado.
Correntes de aire para certos ollos.
Movementos lentos o son do tempo.                                                                                        
          

Miradas cravadas na envexa da alma,
entrada prohibida,
para a actuación da vida.
Pensamentos mitigados de homes fracasados.
Berros mudos que se escoitan o lonxe.


Máis a ledicia éo que buscamos,

en nos mesmos ou noutros brazos.
Que un sorriso mate os ollos da envexa,
coste pouco ou pagándoa a prazos.
Será a maior hipoteca invertida.


Isto son simplemente pequenos alaridos,
que saen da ferida entre aberta na noite escura,
Poden ser os máis actuais ou primitivos.                       
Pero sempre saen con razón.                                                            
Sen ánimo de ferir ningún corazón.                                                  
                                                                                              

Así as noites con soños vagoentos,

pasan ante nos sen deixar pisada en certos momentos,
no inconsciente difícil de chegar na nosa mente,
recunchos autoprofanados de materia inerte,
que despois da larga noite,veña o despertar.




                                                                        Daniel Falcón Chaves







Novos pasos

Novos pasos abren o telón,
novos pasos que abren o camiño,
da man da palabra, pisan firme,
da man da razón, fan sendeiro.

Novos pasos que sen demora,
unirán forzas e inquietudes,
navegando por océanos paralelos
voando entre soños salgados.

Novos pasos que nos levarán
a vivir tempos afastados,
novos pasos que velarán
pola pintura, o cicel e un papel en branco.

Novos pasos que xamais
poderán deixar de ser recordados,
o que foi, agora será,
agora nacen Novos Pasos.