domingo, 2 de diciembre de 2012

Artes Visuais. Un xuíz fotógrafo, J. Bellver.

José Bellver Álvarez ( Ponferrada, León, 1896- Pontevedra, 1968) estivo destinado en Cambados como xuíz de primeira instancia, e tamén noutras localidades como Caldas, Ortigueira ou Redondela. O seu derradeiro destino foi en Pontevedra onde se xubila coma Maxistrado da Audiencia Provincial. Alí morre en 1968.

Foi un gran afeccionado á fotografía que combina tamén co seu interese pola pintura e o cine. Durante a súa estancia en Cambados nos anos 20-30 tomou numerosas fotografías da vila, das súas rúas e monumentos e das súas xentes, recollendo esceas do mercado -que naquel entón aínda se celebraba en Fefiñáns- ou do traballo dos mariñeiros.
 
O fondo documental de Bellver está custodiado no Museo de Pontevedra, e agora pódense ver no Pazo de Torrado 62 imaxes, seleccionadas pola comisaria María Reyes Camiña.

 Pero unha das grandes novedades desta exposición, que a fai diferente a outras mostras de fotografía é que inclúe tamén unha pequena película rodada nos anos 20 que apareceu nunhas latas 50 anos despois, na casa onde faleceu en Pontevedra.


A Bellver, en liña coa pintura impresionista, interésalle especialmente a luz. As súas imaxes teñen un valor etnográfico e histórico, por retratar motivos da primeira metade do século XX pero tamén teñen un gran valor artístico. Prefire, coma os impresionistas, as vistas do mar e a auga, prefentemente en contraluz, como vemos na imaxe superior de dornas en Cambados fronte ao Grove.
Podes ver máis fotos no blog Fotos Antigas de Cambados.

Xes Chapela, director e guionista está rodando un documental a partir da aparición das cintas gravadas polo xuiz. En total son 29 latas de película, que supoñen unhas tres horas de gravación, e están datadas entre 1929 e 1932. "Están rodadas nun formato inusual, de 9,5 milímetros, e cunha cámara marca Pathé, que foi a última cámara de cine mudo que houbo, xusto antes de pasar ás de oito milímetros", explica o director deste documental en fase de rodaxe, promovido por Matriuska e polo produtor Daniel Froiz. Como pasa en moitas ocasións, as latas apareceron case por casualidade, cando un familiar levou o material a dixitalizar a unha tenda de Pontevedra. "Avisáronnos, vimos o material e sorprendeunos. O responsable da tenda devolveu o material pero houbo un imprevisto. Non tomou nota do contacto, así que estivemos facendo indagacións ata que apareceu a familia de José Bellver", rememora Chapela sobre o proceso de procura, e a posterior "emoción de ver recuperadas unhas imaxes inéditas con máis de 80 anos de antigüidade, e que non se sabía nin que existían". 

Entre as tres horas de imaxes agora recuperadas, hai sobre todo imaxes de excursións e moito contido etnográfico. "Bellver rodaba desde a perspectiva dun turista: en tren, en coche ou en barco. Rodaba accións e paisaxes que lle chamaban a atención, en cidades como Vigo ou Madrid, ou pobos como Cambados e Redondela. Ata rodou un pequeno curto de ficción con amigos", explica o director de Milímetros sobre o contido das latas. Entre as imaxes que máis lle sorprenderon, Xes Chapela destaca "a presenza dun zeppelin sobre Cambados, seguramente a primeira vez que se vía, ou a estancia da Armada Inglesa en Vilagarcía".
Nas filmaciones tamén se recollen faenas con pescantinas limpando peixe no peirao, ou modelos de embarcacións tradicionais en extinción, "un patrimonio interesantísimo e moi valioso a nivel etnográfico". Pero tamén hai escenas familiares, entre as que aparece de nena Alicerce Bellver, a única filla viva de José Bellver, e que tamén prestará o seu testemuño para o documental Milímetros. "Tratamos de facer un regreso aos mesmos lugares, pero 80 anos despois, filmado con diferentes formatos e creando unha trama sobre o valor da imaxe", comenta o director, quen avanza que "non será un documental ao uso sobre a aparición dunhas imaxes perdidas, senón unha reflexión sobre a memoria e o cine". O director e guionista Xes Chapela busca darlle unha mirada persoal a este material, afastado de códigos convencionais, e cunha liña argumental que avance case ao mesmo tempo que as indagacións, sen saber o que se vai a atopar.
"Trátase de descontextualizar e reconstruír un material fílmico noutro diferente", reflexiona. As imaxes inéditas serán depositadas nos próximos días no Centro Galego de Arquivo dá Imaxe, onde tamén se rodará algunha secuencia para o documental. "Está aparecendo moito material dos anos vinte e trinta. Levamos unha boa serie, pero é certo que tamén a buscamos", di Guillermo Escrigas, director deste centro, que xa estaba seguindo a pista do material de José Bellver.
"O material desa época é todo moi similar, un cine etnográfico onde se filma a roupa, a comida, a pesca ou as romarías. Para un que viña de fóra, isto resultáballe distinto e ata exótico", explica Escrigas, que como especialista en cine antigüo, lanza unha alerta: "Ás veces a xente non sabe o que ten en casa, e isto é un gran patrimonio de todos". Xusto o exemplo das latas do Sr. Bellver. Logo de cinco décadas nun baúl, serán depositadas no CGAI. E revisitadas no documental Milímetros.

(A información sobre Xes Chapela está recollida do blog A ti meu Cambados)

A exposición estará aberta no Pazo de Torrado de Cambados ata o 13 de xaneiro de 2013 de martes a sábado, de 16:30 a 19:30