sábado, 1 de septiembre de 2012

A pobre democracia municipal


O pasado xoves asistín ao Pleno da Corporación de Cambados en calidade de oínte (pois todas as sesións do órgano representativo municipal son públicas). Non é primeiro pleno ao que acudo, nin será o último. A pesar de que foron moitos os que, antes da eleccións municipais, louvaron a Luís Aragunde polo seu “talante” diferente, eu non vin que tralo paso do tempo as actitudes dos edís e dos alcaldes do PP se diferencien demasiado.

Obviamente sempre hai cambios que se desprenden das personalidades de cada un; Cores Tourís foi, é, e atreveríame a dicir (oxalá me equivoque) que será un perfecto maleducado. Foino nos plenos pero tamén fóra deles, fomos moitos os que sufrimos a súa insolencia e o seu carácter sectario persoalmente. Aragunde prometíase diferente pero, ao fin e ao cabo, o sillón da Alcaldía e a maioría absoluta rematou por convertelo en algo semellante. Continuas interrupcións aos edís da oposición (resulta moi curioso que o volume do micro do alcalde, estea ademais, máis alto que todo o resto...), normalmente burlescas, faltas de respecto dos concelleiros do PP como saír a fumar no transcurso do debate, pasarse a sesión escribindo no móbil, aplaudir, rirse... Unha pequena mostra tentei reflectila no resumo do último pleno, nun vídeo no que se lle escoita ao alcalde respostar ao concelleiro do BNG: “non me jodas, Víctor” entre risas dos seus edís; ou cun audio dunha rastreira chamada de atención do alcalde ás “faltas de ortografía” dos escritos do Partido Socialista.

Fóra disto, a democracia municipal representada nos Plenos é ben probre. Estas sesións, onde está representada a soberanía do pobo de Cambados, están limitadas en contidos. Primeiro, e isto é algo que eu descoñecía, porque entre os tres grupos só pode presentar catro mocións para o debate. O resto ha de ser presentado como preguntas ao goberno. Estas preguntas non dan lugar a debate, tan só son respostadas por Aragunde con escuetos “si”, “non”, “xa veremos”... E en moitas ocasións tamén bota man de “precisamos aínda documentación para poder responder”. Isto fai que temas como o do Pinal da Maza, que poderían ser constituíntes de irregularidades de tipo urbanístico que beneficiaron a un concelleiro do PP ou ao ex alcalde Tourís, leven desde Maio sen ser aclarados.

En Cambados, ademais, celébrase o mínimo de sesións de Pleno que marca a lei: tan só se celebra un cada dous meses. E o resto de temas, como se aproban? En Xunta de Goberno, algo así como o que sería o “Consello de ministros” a nivel Estado. Esas reunións, a diferenza dos plenos, non son de carácter público, é dicir, ti e mais eu non podemos acudir a elas. En teoría empregaríase para que o goberno local desenvolva o seu día a día executivo, pero na realidade cambadesa este órgano é empregado para evitar que temas espiñentos cheguen ao Pleno, onde están todos os concelleiros –tamén da oposición- , a prensa, e a cidadanía que queira acudir. Respecto ás Xuntas de Goberno, o Concello ten que enviar as actas do que alí se decide á oposición, pero aínda que a lei marca un prazo máximo de 10 días para isto, xa van varias veces que o retraso acumulado é de máis de catro meses. O Valedor do Pobo tivo que actuar en varias ocasións ante denuncias do BNG, xa que cun Pleno cada dous meses e sen actas de goberno, o labor da oposición perde toda a súa capacidade.

Eu levo anos mantendo que Cambados precisa un cambio. Un cambio tamén político, por suposto. A necesidade deste cambio non só vén dada por cuestión programáticas (cambio nas políticas de contratación, peonalización do casco histórico, saneamento da costa, mellora da situación económica, dos programas culturais -ou coolturais como lles chama Aragunde-, da Festa do Albariño...). O cambio ten que traer en primeiro lugar outra forma de actuar por parte do goberno local. Comecemos polas cuestións éticas para logo trocar as políticas. Máis transparencia, non só cumprir os prazos de entrega da documentación á oposición senón melloralos e poñer a disposición da cidadanía por medio da páxina web de cantidade de información; máis debate, dobrar polo menos a cantidade de sesións plenarias e aumentar se é posible as mocións a presentar; novas  formas, rematar con xestos que pouco teñen que ver coa democracia, con expresións burlonas e outras faltas de respecto.

Que a xestión do goberno local sexa positiva depende de moitos factores, pero cambiar as formas na política municipal só depende da vontade de cada quen. 


Óscar Pardo-Planas

No hay comentarios:

Publicar un comentario