lunes, 4 de febrero de 2013

EXPOSICION SOBRE AS NOSAS ILLAS EN PONTEVEDRA






As Nosas Illas. Rías Baixas. Cartoteca Provincial. Ese é o nome da peculiar exposición que a Deputación de Pontevedra inaugurou fai unhas semáns no Arquivo Provincial, situado na rúa Pai Amoedo de Pontevedra. A mostra, que pretende poñer en valor a riqueza das illas atlánticas, permanecerá aberta ao público ata o próximo 15 de febreiro de 2013 e a súa exposición artéllase en dúas salas.
Na Sala A móstranse representacións das illas a través da cartografía e das fotografías aéreas realizadas na actualidade e as que teñen unha orixe anterior. Mediante eses recursos poderemos ver a evolución de Sálvora, Arousa, Cortegada e A Toxa, na ría de Arousa; Ons e Tambo na de Pontevedra; e Cíes, San Simón e Toralla, na ría de Vigo.
Completan esta sala unha serie de instrumentos empregados para a navegación, a observación de astros e a realización de cartografía do século XIX e principios do XX e os relacionados co súa utilización e do uso da biblioteca, respectivamente.
A Sala B está dedicada integramente ás illas que forman o Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia. Estas illas foron declaradas Parque Natural en 1980 e están incluídos, xunto cos arquipélagos de Ons e Cortegada, na provincia de Pontevedra, e o arquipélago de Sálvora en A Coruña, no parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia dende o 1 de xullo de 2002, data da súa declaración.
Nesta sala, ademais, o Arquivo Provincial expón material cedido por outros organismos e institucións públicas e paneis con distintos aspectos xeolóxicos, históricos ou paisaxísticos, entre outros, destas illas.
Na súa inauguración, o presidente da Deputación, Rafael Louzán, afirmou que "as illas e as Rías Baixas son un paraíso terreal e unha imaxe de marca da provincia cun valor de identificación, prestixio e calidade de primeiro orde". Asegurou que son "unha fonte de riqueza" e, por estas razóns, sinalou que é unha obriga das institucións poñelas en valor constantemente "aínda que, ao longo da historia, este valor estivo sempre presente".


Fonte: PontevedraViva

No hay comentarios:

Publicar un comentario