martes, 22 de enero de 2013

O pequeno comercio

En referencia ás declaración realizadas por Marcos González, presidente dos comerciantes de Cambados e do consorcio de comercio do Salnés, nas que denuncia a situación de gravidade extrema pola que está a pasar o pequeno comercio e anuncia mobilizacións, o BNG quere manifestar que comparte gran parte dos seus argumentos.

O pequeno comercio está a pasar por unha situación límite que é debida a varios factores. Sen dúbida o primeiro factor é que as políticas que está a desenvolver o PP (en Madrid, en Santiago e en Cambados) están a levar ao empobrecemento da cidadanía. Se as políticas consisten unicamente e subir os impostos, baixar os soldos e as pensións e abaratar o despido, o único que se consigue, como se está a demostrar, é crear pobres e os pobres non poden comprar no pequeno comercio (nin en ningún outro sitio). Este é o principal problema polo que está a pasar o pequeno comercio, pero non o único.


A situación agrávase con outras das erradas medidas de acompañamento aplicadas polo PP como son, unha lei do comercio que potencia ás grandes áreas comerciais en detrimento do pequeno comercio, así como, unhas constantes subas xeneralizadas de impostos que xamais contemplan ningún tipo de excepcionalidade. Non son de recibo as grandes e continuas subas de impostos do concello de Cambados nos dous últimos anos. O grave contexto económico esixe a paralización das subas de impostos e taxas de xeito que, polo menos, o pequeno comercio e o cidadán máis necesitado poidan superar o mellor posible esta situación extrema. O BNG leva dous anos esixindo a paralización da suba de impostos e taxas municipais e solicitando, que o PP teña en conta, as diferentes peculiaridades polas que pasan determinados comercios ou persoas en situacións extremas.

Tamén é certo que os bancos non facilitan o creto ao pequeno comercio (nin a ninguén). Por iso o BNG considera que as axudas económicas públicas deberían ir destinadas directamente cara aos sectores económicos, como o pequeno comercio, e non a tapar os buratos da banca privada. E que, ademais, a Administración debería contar cunha banca pública que tivese como obxectivo prestar axudas aos sectores produtivos e deixar de enriquecer cos cartos públicos á banca privada, que o único que busca é o seu lucro particular e non o beneficio da maioría.

Por último, o BNG tamén está dacordo con Marcos González en que é un erro que a Deputación sexa o organismo que xestione as axudas destinadas ao pequeno comercio, porque se por algo se caracteriza este organismo é pola aplicación de prácticas caciquís e partidistas consistentes en utilizar os cartos públicos no beneficio do PP.

Con estes argumentos debe de quedar claro, como afirma Marcos González, que as diferentes Administracións terían moito que dicir na supervivencia do pequeno comercio, pero que actualmente o maior perigo para este sector (e para todos e todas en xeral) é que as diferentes Administracións están gobernadas polo PP, e que os intereses que defende este grupo político non coinciden precisamente coas necesidades dos sectores e persoas máis prexudicados pola crise económica.

Victor Caamaño

2 comentarios:

  1. Estou basicamente de acordo na responsabilidade das políticas do PP na crise do pequeno comercio e do país en xeral, pero a situación do pequeno comercio ten tamén outras causas: o consumidor medio que prefire a comodidade ¡e o prezo! das grandes superficies, con crise e antes da crise. O pequeno comercio rematará desaparecendo porque os consumidores deixamos de comprar aí. Eu o primeiro, para sermos sinceros. Pedro

    ResponderEliminar
  2. De acordo en todo, pero gustariame dunha vez por todas que se deixara de abusar das subvencions, "e moi fácil cair en despropósitos como axudar a crear empleo e por contra facer unha competencia desleal a empresas que xa lles costa traballo manterse a flote". Si queren usar subvencions para crear empleo suxiro que modifiquen os criterios que hasta ahora se usan; suxiro sobre todo que se potencie os emprendedores, e controlando que eses políticos, desde alcaldes a presidentes deixen de chupalas, "Que todo se sabe".

    ResponderEliminar