sábado, 8 de diciembre de 2012

Artes Visuais. Aínda estades a tempo de ver aos escultores cambadeses na Cidade da Cultura

Na Cidade da Cultura inagurouse en xuño pasado unha exposición chamada Gallaecia Pétrea. Nela faise un percorrido pola escultura da Gallaecia, esa antiga provincia romana que englobaba a rexión natural de Galicia e o Norte de Portugal. A pedra en Galicia conta cunha tradición escultórica que se estende dende a prehistoria ata a época contemporánea. E nesta exposición, como non podía ser doutro xeito,  están especialmente representados os escultores cambadeses. Catro dos mellores escultores galegos do s. XX son cambadeses: Narciso Pérez, Francisco Asorey, Manolo Paz e Francisco Leiro.

A exposición estaba previsto pechala este mes de decembro pero agora prorrógase ata o 31 de marzo así que se non a vistes estades aínda a tempo de ir. De martes a domingo, de 11 a 20 horas. Os mércores é gratis, o resto dos días 4 euros (reducida 2). A continuación podedes ver máis fotos:


Hai unha escasa representación de Asorey, só unha peza, pero de gran calidade, o retrato en mármore da nena Beluca Varela (máis info no blog de Asorey).


Do malogrado Narciso Pérez, gran promesa da escultura galega que morreu con 26 anos debido a un accidente de coche, hai dúas pezas. O famoso Guerreiro Celta, na liña do Celtismo defendido polos nacionalistas dos anos 20 e o San Ero da Armenteira que recolle (como fixera Cabanillas) a famosa lenda do monxe que durmiu un sono de 300 anos.



Leiro está representado con dúas obras de gran formato, espectaculares, anque seguimos pensando que non é a pedra o material onde se mostra mellor a súa calidade artística.

Estes sarcófagos parécense ás sepulturas de nobres galegos do medievo que podemos ver en moitas igrexas galegas como as dos Andrade de Betanzos.


A outra peza é o Leviatán que recrea seguramente o esqueleto dese animal da mitoloxía xudeo-cristiá que representa o mal.



Nesta outra peza Manolo Paz sigue investigando sobre as formas dos seus particulares menhires, aquí introducindo ocos que logo volve a encher con outra pedra diferente.


Pero a  miña peza favorita é esta outra de Manolo Paz: Nube. Unha peza que ben pode chegar á tonelada de peso e que resolta cunha solución técnica soberbia (tres puntos sobre un plano) parece que está suspendida, precisamente como unha nube. A base de formigón que ten, crea un contraste co material pétreo que lonxe de distorsionar armoniza ben e o enriquece: material natural e humano nun diálogo posible. E finalmente sinalar a suavidade do pulido da peza na parte inferior e eses 3 puntos que semellan pezóns, puro erotismo e delicadeza, como se tocásemos pel humana.




O proceso de realización desta peza podíase ver no documental, Un mar de Pedra.