martes, 18 de diciembre de 2012

ADEUS A NADADORA. CLAVE NO INDIE GALEGO




Foi un dos primeiros grupos da escena indie galega en traspasar as fronteiras patrias e facerse un nome no panorama nacional. Agora, tras dez anos xuntos, Nadadora sepárase. Así o confirmou a banda do Grove na súa páxina de Facebook. Trátase unha disolución que chega, segundo explican, por motivos persoais, e que causou un gran impacto entre os seus seguidores.


"Despedímonos dos escenarios durante un longo tempo. Motivos persoais fan imposible que podamos ensaiar, compor, gravar e tocar xuntos, como nos gusta, como sempre fixemos", reza o comunicado emitido por Nadadora. "Non queremos que isto sexa un adeus definitivo, resistímonos, pero agora que se cumpren dez anos da creación da banda, tomarémonos un descanso longo e plácido".

Para despedirse dos escenarios, Nadadora programou unha minigira de tres concertos. Será na Coruña (28 Decembro, Sala Lle Club), en Vigo (29 Decembro, A Fábrica de Chocolate) e en Madrid (data e sala por confirmar). Serán como eles mesmos din "concertos de despedida, ou pensándoo mellor, de ata pronto, de ata sempre".Este último capítulo na vida de Nadadora porá o broche de ouro a unha traxectoria que arrincou alá polo ano 2002. Tras varios cambios na súa formación, na súa última etapa terminaron sendo un quinteto: Sara Atán (voz), Gonzalo Abalo (voz e guitarra), Edu Romeu (baixo), Montxo Couselo (teclados) e Daniel Abalo (batería).
Xunto con Triángulo de Amor Bizarro foron os máximos expoñentes do boom do indie galego. actuaron en case todos os principais festivais do país, sempre co apoio do público e da crítica especializada. Durante estes dez anos publicaron tres discos publicados: Todo o frío do mundo (2005), Falaremos do medo (2007) e Luz escuridade luz (2010), e dúas EP: Aventuras dentro de caixas (2004) e A química que nos une (2008).
A separación chega a pesar de que estaban traballando en material novo. "Tiña algunhas cancións compostas e dáme rabia, porque penso que o noso catro disco sería o mellor da nosa carreira" explicou o seu cantante e guitarrista, Gonzalo Abalo. "Pero no mellor dos casos, ese disco non sairía ata dentro de tres ou catro anos polo que non ten sentido seguir".

UN ARTIGO DE BALBOAS DE FEFIÑANS