lunes, 1 de octubre de 2012

OPINIÓN: UN MARIÑEIRO CALQUERA

"Pola regatela"
Ramón Caride.

Animouse de novo o noso amigo, e ben que o agradecemos, a escribir outra vez nesta humilde (pero ambiciosa) publicación que é o blog da nosa asociación. Semella que aos grandes gústanlle as cousas pequenas.
  
Un mariñeiro calquera

Nestes meses de verán estiveron expostas no Pazo Torrado de Cambados varias obras de Manuel Quintana Martelo: debuxos, pinturas, esculturas e fotografias, todas centradas na figura de Manuel Viñas, un ata agora descoñecido mariñeiro de Poio que con esta exposición se convirte nun símbolo da xente traballadora de entre nós, nestes tempos tan castigada e esquencida. Quintana Martelo demostra que, mesmo tendo estudio en Nova York, non é preciso buscar temas nin paisaxes tan lonxe, que a paisaxe física e humana, particular e nosa, é tan válida coma o de calquera sitio para facer arte. Ensina que a arte é unha mirada, unha sensibilidade, un xeito de ollar o inmediato para facelo mellor e transcender a apariencia. As eivas: as limitacións do lugar e os horarios de visita -so póla tarde mesmo en agosto-. O Pazo Torrado ten uns espazos cativos para exposicións deste tipo; isto fai que, como pasou antes coa antolóxica de Asorey e noutras ocasiós, teñamos que nos conformar cunha version reducida respecto ao que se poderá ver en Santiago ou noutros lugares.

Entrementres: o gran atractivo turístico de Cambados, o conxunto de Fefiñáns continua infrautilizado. O que debera ser o centro cultural, referente e escaparate de Cambados e de todo o Salnés, e punto de encontro da cultura, sigue a velas vir, por falta de interese, de imaxinación e de competencia dos nosos políticos programadores. Os turistas seguen chegando, pero á parte de mini-museos e de iniciativas particulares, vanse cunha imaxe probe da cultura cambadesa. Adúcese a falta de diñeiro, pero hai diñeiro para o deporte-espectáculo, tantas veces embrutecedor e alienante, e para actuacións musicais que ás veces semellan restos do passado, cando non patéticos intentos de querer e non poder.

Os nosos artistas, fotógrafos, cineastas, músicos, actores, pintores, e tantos máis deben seguir o camiño da emigración, a ver se os aprezan de rebote aquí após buscar a vida fora, e desde logo nunca se ven reflectidos nestes festexos que se reservan para os alleos, canto máis pachangueiros mellor. Non pasa só en Cambados, en Vilagarcía o esforzo de José Luíz Oubiña e de Miguel Riopa organizando un festival de fotografia senlleiro a nível da península, como é o Proxecta, ao que acuden fotógrafos de todo o mundo, que fai aparecer á cidade en moitas páxinas de prensa, vese con serias dificultades, e só o mantén a pura vontade, o amor á arte. Os mesmos organizadores e os seus familiares deben abrir as exposicións, colgar as fotos, ou montar a pantalla para as proxeccións, co seu orzamento reducido a un terzo do de hai dous anos, e ignorado polas autoridades municipais... Os exemplos poderían multiplicarse. Nada para a cultura, todo para o fútbol, as orquestras panorámicas e as comilotas. Haberá que lembrar que a confusión entre cultura e espectáculo non é cousa de agora, senón un invento dos rexímenes autoritarios, lembran?

Parece que a cultura é un luxo, a verdadeira, a cultura que conmove e fai pensar. Pero é nin máis nin menos que a diferenza entre a humanidade e a barbarie. Se non valoramos –aos feitos me remito- aos artistas que temos entre nós, se estragamos o noso patrimonio, que lle venderemos ao turismo? Sol e praias, pero sol non temos tanto. E tampouco moita cabeza. Parece que a nosa querida clase política -esa que seica non existe como tal fora dos delirios de algúns iluminados que non estamos no mundo-, parece que decidíu que canto máis burros mellor, e para que gastar en cultura se pensar só trae problemas.

Remato cun episodio verídico: cando se lle adicou, hai uns anos o dia das letras galegas a Rafael Dieste, un comercial dunha editora galega pediu ver a un alcalde desta nosa ría de Arousa para presentarlle un proxecto de libro sobre o autor homenaxeado. Con esta intención, o comercial espúxolle á secretaria deste alcalde o asunto –a moza era nova, ainda que como veredes, sobradamente preparada- O comercial escoitou como a secretaria entraba no despacho e lle transmitía o asunto ao alcalde, ao seu xeito: Señor Alcalde, está aqui Rafael Dieste, que le quiere hablar de un libro suyo. Ao que o rexidor contestou, sen inmutarse: Hágalo pasar. A todo isto, Rafael Dieste levaba morto máis dunha década. Pero claro non había perigo de que o leran calquera destes dous, nin de vivo nin de morto. Así andamos.

ADDENDA

A miña anterior e primeira colaboración neste espazo que me brindan os amigos de Asoblog tivo un eco insospeitado. A respecto das variadas reaccións a ese anterior artigo, só duas mínimas precisións:

Primeira: Non estou porriba do ben e do mal, nin o pretendo. Facer, durante parte do meu tempo, literatura de ficción non me inmuniza contra nada. Os meus problemas e cabreos son os mesmos de calquera, non escribo desde ningunha torre. Podo equivocarme. Outros tamén.

Segunda: Sacralizar calquera cousa é a mellor forma de que deixe de ser útil. A esquerda tamén ten problemas. Como dixo un coñecido escritor: “é máis doado atopar chivos expiatorios que pescudar razóns”. Polo demais, as ortodoxias e os dogmas de fe están moi ben... para a Teoloxía.