CORES DE CAMBADOS
A Ruta do Viño Rías Baixas deseñou unha programación turística especial que, durante a vendima, permitirá que os visitantes poidan participar dos traballos de recolección da uva nos propios viñedos, coñecer o proceso de elaboración do viño nas adegas, degustar menús e mesmo pasar a noite naquelas que contan con instalacións acondicionadas para o aloxamento. Pazo Baión, La Val, Mar de Frades, Valmiñor ou Eidos Viticultores son algunhas das que ofrecen estes servizos.
Así, Martín Códax propóñenlle aos seus visitantes ser partícipes dunha "xornada completa" que abrangue dende a vendima ata unha cata comentada, pasando por comer xunto ás viñas ou percorrer a adega para coñecer as funcións de cada sección. Pazo Baión, Adegas La Val, Mar de Frades ou Valmiñor tamén permiten observar como transcorren os traballos a pé de campo e como evoluciona no ámbito da adega.
Terras Gauda pon a disposición dos visitantes un autobús para percorrer o terreo e contemplar a actividade dos traballadores durante a recollida da colleita de uva. Mesmo durante a noite, como no caso da adega Eidos. Establecementos enoturísticos como Pazo A Capitana, Lagar de Costa ou Pazo de Galegos poñen a disposición as súas instalacións para os usuarios que desexen pasar a noite no ámbito da propia vendima.

Coincidindo coa vendima, varias localidades celebran ao longo deste mes de setembro e o próximo de outubro, festas e xornadas gastronómicas: a Festa da Vendima de Cambados, o 29 e 30 de setembro; San Miguel en O Rosal, do 29 de setembro ao 7 de outubro; as festas de Dorrón en Sanxenxo, o 6 de outubro; as festas da Colleita de Sela, en Arbo, o 12 de outubro; e a de Castrelo, en Cambados, o 13 e 14 do próximo mes. A estas súmanse a Festa do Peixe Espada en A Garda e a Festa do Marisco en O Grove, que comezan o 15 de setembro e o 5 de outubro, respectivamente.
No hay comentarios:
Publicar un comentario