lunes, 4 de marzo de 2013

HOXE FAI 124 ANOS QUE NACEU ASOREY

O 4 de marzo de 1889, ás oito da noite, nace en Fefiñáns, Cambados, Francisco Hipólito Asorey González, derradeiro fillo dos cónxuxes Antonio Asorey Rey e Elisa González González que casaran en Bos Aires en 1870 e de onde se trasladaron a vivir a Cambados (ver neste enlace a partida de nacemento). O pai, comerciante, nace na Coruña, anque ten raices nas terras do Deza, de feito o apelido Asorey ten seguramente a súa orixe nunha aldea do Concello de Vila de Cruces, próximo a Lalín. A nai é cambadesa e residen na rúa do Sol (ou porta do Sol), en Fefiñáns. En Fefiñáns tamén nacera trece anos antes (en 1876) o poeta Ramón Cabanillas.


Foto dunha postal de principios do s. XX. Á dereita da foto está a casa natal de Asorey, na chamada daquela rúa do Sol, pola súa orientación cara o sur, tamén se chamou “Calle Real” , tal como indica a postal. Hoxe é a praza Francisco Asorey na que se colocou, en homenaxe ao escultor, a réplica da escultura Naiciña feita por José Cao Lata.


No baixo da casa tiña a familia o seu negocio de telas e logo tamén nun anexo unha fábrica de xabóns que acabarán vendendo a Antonio Gelpi (xenro de Antonio Asorey). En 1895 a casa será vendida tamén a uns comerciantes de panos de Vilagarcía (familia de Simeón García de la Riva) cos que a familia tiña unha importante débeda. Pouco despois vendeuse de novo a un comerciante francés, León Anatole Del Valle, que pasaba os veráns en Cambados coa súa familia; a súa bisneta Enriqueta Rubio, actual propietaria da casa, facilitounos estes datos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario