domingo, 13 de enero de 2013

“PARA SERVIR E PROTEXER” HISTORIAS DE POLICIAS (CAMBADESES)

POR RICARDO DOMINGUEZ REY
      Fai pouco mais de dous meses neste mesmo blog, Xaquín Charlín  facía referencia nun breve pero interesante artigo ao importe
total imposto en multas pola policía local de Cambados no período comprendido entre agosto e outubro de 2012 e que ascendía a uns 30.000 euros e deixaba ao xuízo do lector se era pouco ou moita dita cantidade para tal período de tempo (a min, persoalmente,paréceme excesivo) ; tamén no Salnés foi e é moi sonado o enfrontamento que leva a cabo a totalidade do persoal da policía local do O Grove co seu edil de seguridade cidadán, o cal acusaba aos axentes de poñer poucas multas e estes ao edil de premelos para que multasen mais, baixo ameaza de que repercutiría negativamente no cobro das horas extras.    

      Vai por adiante o meu total recoñecemento á tarefa que levan a cabo as policías locais e, en xeral, todos os corpos e forzas de seguridade do estado; os que por motivos profesionais (como é o meu caso)  nos apoiamos  no seu traballo, sabemos o importante que é a labor que levan a cabo e que, non sempre, é debidamente recoñecida. Tamén ten ocorrido , en ocasións, que ante a intención, por parte da administración, de pechar, por exemplo, un cuartel da garda civil, a presión do pobo, para que non se levase a cabo, foi tan clamorosa que fixo dar marcha atrás tal decisión porque os veciños saben, mellor ca ninguén,  da tranquilidade e da seguridade que da ter cerca a esta institución (coma ao resto dos corpos de seguridade). 

      Pero tal recoñecemento (repito mais que xustificado), non é óbice para criticar cando o fan mal e sobre todo ante a actualidade de casos como o anteriormente mencionado de O Grove no que asemella que as actuacións da policía local dese concello intentan converterse nunha ferramenta recaudatoria; ¿onde van parar tódolos cartos que se recadan por parte do concello de Cambados? ¿cando remata o ano faise un balance de  a que destinan tales fondos ou pasan simplemente á tesouraría?. 

      Eu,  simplemente, quería, contarvos hoxe un par de anécdotas  de dous membros da policía local de Cambados, dous membros de la “vieja guardia”  para que vexades que non sempre son de todo xustos e profesionais que deberían ser; son anécdotas que eu presenciei en persoa, con estes olliños que  comeran a terra  e reflexan a  mala praxe levada a cabo por ditos  axentes; certo é que xa ocorreron fai bastante tempo e que non representan, de ningunha maneira a tódolos seus membros, os cales, cónstame que levan a cabo o seu traballo, na maioría dos casos,  con gran profesionalidade. 

      Viaxamos no tempo ata finais do ano 1998, unha maña, como  calquera  outra, unha das xuíces que leva a cabo  a sua labor nos xulgados de Cambados, estaciona o seu vehículo na paseo marítimo, cerca do Restaurante Reboredo (como facía habitualmente) e onde xa estaban estacionados unha ducia de vehículos aproximadamente e marcha a traballar ás dependencias xudiciais que daquela estaban na rúa Ourense, moi preto da Casa Consistorial. Unha vez rematada a súa xornada laboral,( arredor das 3 da tarde) e ao ir a buscar o seu automóbil, descubre que non se atopa onde o estacionou; tras o desconcerto inicial, decide achegarse á base da policía local, situada nun lateral da Casa Consistorial; salientar que dita xuíz, leva poucos meses en Cambados, non é moi coñecida e por tanto cando se dirixe o posto da policía, pensa que non é necesario identificarse como tal, atribuíndo a “desaparición” do seu vehículo a un erro da grúa municipal e presentándose, simplemente,  coma unha cidadán mais; unha vez alí,   cando comeza a contarlle ó policía que lle atende (policía hoxe en dia xubilado), todo a súa peripecia, observa que no rostro de dito axente comeza a aflorar  un sorriso, que se vai acrecentando cada vez mais; o axente lle informa que esa maña íase levar a cabo o asfaltado da rúa onde ela estacionou o seu vehículo e que por iso foi retirado pola grúa municipal; a xuíz, (sen seguir identificándose como tal) tras expresarlle  o seu malestar, primeiro,  por non indicar, con anterioridade que alí non se estacionase e, tras levarlle o vehículo,por  non deixar ningún tipo de nota no lugar (sobre o destino onde foi a parar o seu auto), pregúntalle onde o levaron, para ir recollelo, pois xa perdera demasiado tempo; o axente, co sorriso  no seu rostro, xa de forma permanente, dille que antes deberá abonar o enganche e a multa correspondente. 

      A sorpresa desta boa muller é monumental,non salia do seu asombro e trataba de  explicarlle ao axente que cando ela chegou non había ningún tipo  de sinal de tráfico que prohibise estacionar e que, ademais, xa habían estacionados no lugar unha ducia de vehículos (reafirmando así que non so ela actuou de forma totalmente correcta); o axente, sen negarlle que tivese razón no que dicía, insístelle en que, para retirar o seu vehículo do deposito municipal, deberá pagar o anteriormente mencionado; a muller, ante a actitude persistente do axente de non querer entrar en razón, identifícase, dille quen é  ela e esíxelle que chame ó seu superior, pois considera que neste caso non están actuando de forma correcta. 

      De repente prodúcese un feito extraordinario, o axente que ata ese momento sentíase seguro tras o mostrador e amosaba un sorriso permanente no rostro, cambia de cara, ponse pálido e transfórmase nunha especie de aparcacoches do mais servizal, que tras dicirlle  que todo se tratara dun erro, pídelle as chaves, que el mesmo    ira a buscar o seu vehículo; eu, que era testigo directo de toda escena, observo que a xuíz bótalle a mirada mais fría que un ser humano lle pode botar a outro e espétalle : “¿un erro?, fai un minuto non pensaba o mesmo, axente” e a continuación  dille “¿e o resto dos coches que como o meu estaban alí estacionados, o súa retirada supoño que tamén seria un erro, ¿non?”. 

      (Eu non teño a capacidade de ler as mentes, pero pola cara que estaba poñendo o axente supoño que estaría pensando porque carallo aquela maña, cando  ía para traballar non o atropelaría, por exemplo,  un tren de mercancías; dende logo o seu rostro reflexaba que nese momento desexaría estar en calquera lugar menos alí).
      O policía, cunha rapidez servizal digna de mención acude presto  a buscar o vehículo “retirado por error” ao depósito municipal   e achégano ao súa dona; esta, tras recibir por enésima vez,  desculpas por parte do susodito  policía municipal e montar no seu vehículo, ponse a pensar en como acabará a historia para os homes e mulleres que, como ela, estacionaron aquel dia, alí o seu vehículo e que, desgraciadamente, non correrían a mesma sorte que ela. 

      Volvemos  a viaxar no tempo, vamos agora a mediados de 1997, en concreto,  a un humilde taller de carpintería de Vilariño, unha maña atopábase no mesmo o capataz con uns cantos traballadores, nese momento entra un policía local (este segue en activo), o “Harry El Sucio” cambadés (e amante da bicicleta, en realidade, de unha en concreto)...... eu sempre que me cruzaba  con el, co revolver ben visible na cintura, non podía deixar de lembrar a escena do “El bueno, el feo y el malo”, pensando  que pararía alguén na rúa, para retalo, na praza do concello, a un duelo a morte, cando o reloxo  dese as 12. 
      Como dicía, preséntase neste taller e coméntalle ó capataz que se poderían mover os vehículos, estacionados na rúa, pois, os operarios municipais que se atopan fora van realizar obras de mantenemento nesa rúa; o capataz explícalle que si ben poderían mover case todos os vehículos, un deles non seria posible pois o traballador, dono de vehículo, atopábase  instalando uns mobles de cociña en Vilagarcía, levando as chaves do vehículo consigo. O axente, tras amosar un xesto de contrariedade, solicítalle, que pola tarde fagan o favor de non estacionar alí para que poidan realizar ditas obras, cousa que así lle asegura o capataz do taller que se fará. Sen embargo, uns 20 minutos mais tarde, este capataz, tras escoitar barullo na rúa, sae a mesma, e observa que a grúa municipal, esta levantando o vehículo de dito operario, seguindo as instrucións de dito policía, para cambialo de sitio; o capataz, indignado, ante o posible dano que lle puideran haber ocasionado ao vehículo (recordemos, correctamente estacionado), atravesa dous vehículos, un por diante e outro por detrás da grúa municipal e avisándolle ao policía local que de alí non se ia a mover nin Deus ata que viñese dito operario para verificar que o seu vehículo non sufrira danos; o policía, ante a lóxica reacción do capataz, e coa “humildade”( vamos, coa chulería) que sempre o caracterizou , sacou o seu bloc de multas, e comezando a tomar os datos dos vehículos que inmobilizaban  á grúa municipal, díxolle ao capataz, que o ía denunciar, este,  a duras penas, logra conter as ganas de botarlle as mans ó pescozo do policía e esganalo alí mesmo;logo dun rato,   e tras chegar o traballador e verificar que o vehículo non sufrise danos, achegouse ó concello, explicoulle o acontecido ó alcalde e o seu malestar pola actitude despótica e abusiva de dito municipal; finalmente o alcalde aseguroulle que dita denuncia non quedaría en nada (como así foi).
      Como dicía ao principio isto non reflexa para nada a liña xeral da policía local de Cambados que, como sinalaba ó principio soe ser moi profesional; tamén é digno de mención, campañas como a levada a cabo fai uns anos pola policía local do concello de Vilagarcía de Arousa, na que, durante o período das festas do Nadal, quizais, movidos polos sentimentos propios  desa época, ante as infraccións dos automobilistas, en vez de multalos, optaban por entregarlle unha nota, na que lle reflexaban a infracción cometida e a importe da multa si se lle fose imposta e tras desexarlle boas festas lembráballe a importancia de cumprir co código de circulación; accións coma esta penso que a veces consigue mais efecto que unha sanción económica e seria desexable que se repetisen con mais frecuencia.  
      
      Sen mais un saúdo a todos
      

 RICARDO DOMINGUEZ REY
                

No hay comentarios:

Publicar un comentario