viernes, 23 de noviembre de 2012

Novas. María Garzón fala sobre a persecución ao seu pai

O pasado xoves 22 de novembro estivo en Cambados para presentar o seu libro "Suprema Injusticia" a filla do xuíz Baltasar Garzón. Estivo acompañada polos profesores cambadeses Mari Carmen Durán e por Manuel Núñez e polo profesor da Universidade de Vigo, Ángel Rodríguez Gallardo.

O acto estivo patrocinado polas librerías Cabanillas e Contos de Cambados. Iniciou a presentación Ramón Domínguez e logo continuaron Mari Carmen Durán e Manuel Núñez. Tamén participou Ángel Rodríguez Gallardo expoñendo cuestións relacionadas coa memoria histórica e as investigacións que el e outros colegas están levando sobre o tema. Podes ver uns videos a continuación.




 Lembrar que Ángel R. Gallardo participou como testemuña da defensa, no xuizo a Baltasar Garzón pola causa que levou sobre os crímenes do franquismo. As súas palabras foron duras contando como evolucionou o proceso nos inicios da transición e como os principais partidos no poder non tiveron interese ningún en investigar sobre o tema, "había medo" foron as súas palabras. Contou unha "anécdota" que dixo contaba en público por vez primeira: alguén avisou de xeito anónimo que tiña unha maleta con numerosa documentación sobre a implicación de Serrano Súñer, cuñado de Franco e personaxe destacado do réxime, na represión política. Por aquel entón Serrano Súñer vivía aínda. A fonte anónima ofrecíase a ter a maleta nun hotel de Zaragoza. Ninguén se atreveu a ir a buscala. Podes ver un pequeno fragmento da súa intervención neste video:



Tamén falou obviamente María Garzón contando a súa experiencia persoal de vivir ao lado de seu pai e compartir os difíciles momentos que pasou a consecuencia do seu traballo como xuíz: o que supón levar permanentemente unha escolta, porque tanto seu pai como a súa familia estaban ameazados de morte; descubrir anos máis tarde como seus pais lle ocultaron un intento de atentado contra toda a familia na súa residencia de verán en Tomiño, Pontevedra e á que non puderon volver. E moi especialmente falou da persecución de que foi obxecto por parte dos seus propios compañeiros xuíces e que o levaron á inhabilitación. Tamén temos un pequeno video da súa intervención.


 Recomendamos tamén o libro escrito por María Garzón e publicado pola editorial Planeta que se le doadamente pola súa claridade e brevidade e contén testemuñas moi interesantes.


Podes ver tamén o video elaborado por Óscar Pardo Planas que se proxectou na presentación.



O canal Rías Baixas tamén se fai eco da nova e aporta un video.